A Reforma do Código Penal

O Estado Social e Democrático de Dereito está en serio perigo de extinción. Non é casual que o recorte no Estado social vaia acompañado dun incremento da capacidade punitiva do Estado, especialmente dunha maior persecución da disidencia política, da protesta social e da pobreza. A reforma do Código Penal impulsada polo Ministro Gallardón, supón unha quebra do Estado de Dereito, recentemente debilitado coas reformas do Consello Xeral do Poder Xudicial e a Lei de Taxas Xudiciais

Unha “renovación” da administración xudicial que só sirve paradoxalmente para restar xustiza á cidadanía, despoxala de dereitos básicos e facela máis vulnerable

A proposta de Código Penal e do seu complemento a Lei de Seguridade Cidadá, establecen unha política criminal pensada para protexer o status quo da elite económica e política ante o aumento do descontento social por mor da dureza da crise (criminalización da protesta). Endurécense delitos en base a alarma social. Dita reforma é incoherente con a realidade que segundo datos obxectivos mostran que o Estado español ten un índice de delincuencia moito menor ca media europea, poren o sistema español é o máis duro e carceleiro de Europa. Dende 1979 as persoas recluídas incrementáronse un 750%. Na actualidade hai 159 persoas recluídas por cada 100.000 habitantes -entorno ao 80% por delitos relacionados con drogas e delitos contra o patrimonio, cunha vinculación directa coa exclusión social-. A media europea é de 96 por 100.000 presos. Según distintos estudos, desde fai máis 20 anos a delincuencia no Estado español presenta unha liña descendente.

 

A reforma impulsada polo goberno é de corte autoritario que busca a dicotomía da sociedade entre os bos cidadáns contra os delincuentes, instalando o medo, a violencia e a insolidariedade na cidadanía. Mentres a delincuencia de colo branco segue amparada polo seu status social -económico.

 

A famosa loita contra a corrupción se concreta en que na malversación de fundos agora é unicamente necesario probar a conducta de deslealdade na administración ou xestión de fundos públicos, sen ter que acreditarse o enriquecemento persoal. Esta reforma fica corta para loitar contra a corrupción. Recollese ademais a potestade de suspender a execución da pena de prisión, incluso para reincidentes, se existe un esforzo para reparar o dano causado ou por acordo das partes, é dicir, vía compensación económica, o que coloca a solvencia económica como requisito para non ir a prisión.

 

 

En contra posición, e desde a visión de defensa dos dereitos fundamentais, civís e políticos e incluso desde a mirada constitucional, entendemos perigosa a nova consideración de novos comportamentos tipificados agora como delitos vinculados coa criminalización dos movementos de protesto social, así como a supresión das faltas contra a ‘orde pública’ que converteranse en sancións administrativas, acorde á modificación da Lei de Seguridade Cidadá, coa consecuente redución dos dereitos fundamentais do artigo 24 CE, e sumando o pago de taxas no caso de querer recorrer xudicialmente as multas. Unha represión de baixa intensidade, coñecida como buro-represión.

 

A creación da figura do delito leve, amais de conlevar un previsible maior atasco dos xulgados, suporá a tipificación como delito de condutas pouco relevantes como poden ser "insultos" ou actitudes de supervivencia ou disidencia. Así, o roubo de alimentos é delito, sen ter en conta o importe senón o animo de sustración.

 

A reforma recolle tamén a redefinición da figura de autoridade, que se robustece e será aplicada tamén a persoal de vixiancia privada cando actúen baixo o mando das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. Recóllese tamén a modificación do atentado a autoridade, no que se equipara o emprego da violencia sobre o axente coa resistencia meramente pasiva do autor. A difusión de mensaxes que “inciten” à alteración da orde pública converteranse así mesmo en novos tipos delictivos.

 

No relativo á propiedade intelectual e industrial, vemos que a norma xeral é o endurecemento das penas, sendo moi reseñable ver como as penas que máis se incrementan, tanto cuantitativa como cualitativamente, son as relacionadas cos delitos de venta ao por menor e venta ambulante: desaparece a falta e increméntase a pena máis dun 200%, pasando con iso dunha pena máxima de 6 meses a 3 anos. Na maioría dos casos os suxeitos activos deste delitos serán migrantes sen papeis, que realizan estes “traballos” obrigados pola súa situación económica-social, e con esta reforma, poderase deter, encarcelar e expulsar a todos os migrantes que estean vendendo CDs ou camisetas de marca falsificada na rúa. Polo que esta medida no ten como fin protexer a propiedade intelectual e industrial, senón parece buscar outra escusa para criminalizar a migración, afianzándose de paso a sustitución da pena pola expulsión do territorio.

 

  Coa nova figura da prisión permanente revisable pretendese dar unha idea de maior dureza penal implementando para determinados delitos o cumprimento integro da pena de privación de liberdade durante un tempo mínimo de 25 e 35 anos. Só despois dese período aplicarase o sistema de revisión que permitirá a posta en liberdade.

 

  O actual código penal xa permite até un cumprimento efectivo de incluso 25, 30 e incluso 40 anos. Estes límites son moito superiores aos establecidos nos países da nosa contorna como Francia, Inglaterra, Italia, Holanda, Suecia, entre outros, nos que existe a prisión permanente revisábel.

 

  Desde a perspectiva económica, dificilmente sería asumible en tempos de recortes a introdución desta figura xa que suporía un investimento económico para aumentar a estrutura da Administración de Xustiza, tanto a nivel de persoal como a creación de novos órganos, funcionariado, etc, investimento que non parece se vaia realizar, empeorando aínda máis a precaria situación que vive no seu conxunto a poboación reclusa.

 

  Poren a principal crítica a esta figura e a vulneración que supón desde a perspectiva dos dereitos fundamentais, xa que a permanencia en prisión durante longos períodos de tempo causa nas persoas danos irreversíbeis, así como a vulneración do dereito a reinserción social consagrado na Constitución.

 

  Introdúcese tamén as medidas de seguranza que prolongarán o control do individuo en liberdade vinculadas con a “perigosidade” da persoa, podendo por tanto ser mais graves que as penas impostas.

 

Inseguridade xurídica: a reforma conscientemente implanta numerosas formas indeterminadas que introducen unha grande marxe de valoración dando mais poder a figura que xulga e polo tanto decide a hora de impoñer a pena, un exemplo claro é o caso da regulación na alteración da orden pública, ou a elevación da idade de consentimento sexual aos 16 anos, extendendose así o control penal sobre a capacidade de decisión da adolescencia e sobre o propio corpo que será valorada por un xuíz.

 

  Estas son algunhas das principais reformas que introduce a reforma do Código Penal, e que xustifican a nosa oposición á mesma, entendo que non son unha solución a desigualdade social, nin camiñan na senda de unha sociedade avanzada e democrática, senón todo o contrario, utilizando a estratexia do medo, supón unha volta atrás en defensa de garantías e dereitos fundamentais.

 

  Dende Avogados Novos de Vigo, denunciamos que o poder executivo non remova verdadeiramente os obstáculos que impiden a xustiza social. Diante de este contexto manifestamos a nosa oposición e preocupación ante este novo escenario de criminalización e represión e opoñémonos a reforma do Código Penal do Ministro de in-Xustiza Gallardón.

http://avogadosnovosvigo.wordpress.com/